
A principios do ano 2014, un grupo de arquitectos locais e a Asociación de Veciños de Tirán propoñen unha serie de actuacións para recuperar o vello Camiño Real que une as dúas vilas. Rexeitan o proxecto de ampliación da estrada para facilitar a circulación de vehículos de motor. Máis información no seguinte enlace http://praza.gal/movementos-sociais/6550/de-cangas-a-moana-vou-a-pe/
Este é o vídeo spot co que reclaman a Vía Segura Cangas-Moaña
CAMIÑOS SEGUROS - CAMIÑO REAL
Esta iniciativa deu lugar a un proxecto EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Común Integrado) para optar a fondos da Unión Europea. Nel participan os Concellos de Cangas e Moaña e está redactado polo Estudo Rurban.
Trátase dunha aposta por mellorar a autonomía infantil, a independencia das persoas maiores, os hábitos de vida saudables e o desconxestionamento do tráfico nos centros urbanos. Para iso traballarase na revitalización urbana, rehabilitación de inmobles en desuso ou a mellora do transporte público.
O IES AS BARXAS, colaborou co Concello de Moaña na fase de comunicación pública, no mes de novembro, mediante a difusión da iniciativa e a realización de enquisas ao alumnado, profesorado e familias.
O 22 de maio de 2017, publicouse no BOE a resolución da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos do Ministerio de Facenda na que se rexeitaba o proxecto por falta de puntuación, ante o que os concellos reclamaron a súa revisión.
PROGRAMA APRENDE MOAÑA
O programa "Aprende Moaña" púxose en marcha no curso 2015/16 polo Concello de Moaña, como un conxunto de actividades paralelas ao curso escolar co obxectivo de que os alumnos coñezan e poñan en valor a súa contorna máis próxima. Algunhas das súas iniciativas foron:
1.- CHARLA SOBRE TOPONIMIA
Os nosos alumnos de 4º de ESO tiveron unha charla sobre a toponimia do municipio na biblioteca do centro, impartida por Soidade Ríos Santomé, autora da publicación "Toponimia na escola. Os nomes de lugar do Concello de Moaña". Os mozos coñeceron a orixe dalgúns dos puntos da vila, así como dos seus barrios e aldeas de orixe.

Foto G. Nuñez (Faro de Vigo)
2.- VISITAS AO ROMÁNICO
Todo o alumnado de 2ºESO gozou no mes de abril desta saída con visita guiada ás igrexas románicas de San Martiño e Tirán. As construccións foronnos explicadas polo profesor agora xubilado Xacinto García, a quen agradecemos o seu saber.
A actividade foi organizada polo EDNLinguaquetraba contando coa colaboración imprescindible da profesora de Ciencias Sociais Ángeles Pico, que xa tratara na aula este tema con anterioridade.

3.- FOTOS ANTIGAS DE MOAÑA
Unha vez máis acompañáronnos os membros da Asociación Nós para falar do catálogo de fotos vellas de Moaña que atesouran. Un contraste incrible comparándoas cos sitios polos que pasamos a cotío.
Foi unha actividade organizada polo EDNLinguaquetraba a que asisitiu todo o alumnado de 3º ESO no Salón de Actos do Instituto.
